Desiderio Sampayo Rico, coñecido por Siderio do Mazo antes de cambiar a residencia para Vilarmide, no concello da Pontenova, naceu en novembro de 1931 na Casa de Antón do lugar do Mazo, parroquia de Santiago de Acevo, que por aqueles tempos pertencía ao municipio da Fonsagrada e actualmente ao de Ribeira de Piquín, todos eles na parte oriental da provincia de Lugo.
O libro contén interesantes datos sobre a música de tradición oral conservada e interpretada por este músico popular, a súa biografía, repertorio e técnica, así como das súas fontes, dos artesáns construtores dos instrumentos que tocou, as dos outros dous gaiteiros que o acompañaron na gravación do CD: Constante de Valiña e Modesto de Murias, un completo estudo da música de gaita na zona, das reunións e encontros festivos nas que participaban os gaiteiros e do repertorio incluído na gravación, realizada en vivo no adro da igrexa de Vilarmide durante o mes de agosto de 2014.
Resultado dun amplo traballo de campo, conta con textos de Pablo Quintana, Daniel Carballo, Pablo Carpintero ou Luis Correa O Caruncho, e contén un álbum fotográfico con 27 imaxes (entre elas a da portada) realizadas polo premiado fotógrafo cántabro Vicente Ansola, ademais doutras 54 feitas polos autores e as procedentes de arquivos fotográficos históricos, como os de Walter Ebeling, Foto Manuel, Edelmiro Méndez, Museo Comarcal da Fonsagrada, ou dos familiares de Desiderio, Constante, Modesto e outros particulares.
Un CD de regalo, no que se inclúen 21 temas tradicionais inéditos ata o momento, completa esta interesante obra.
ENVÍO GRATIS EN COMPRAS SUPERIORES A 50€