Edelmiro Méndez Novo

Edelmiro Méndez Novo (Xinzo, A Pontenova, 1929-1998), coñecido tamén como Miro de Xanuco ou Miro de Xinzo, era o fillo máis novo de Mercedes Novo Álvarez, Mercedes de Xanuco, e de Manuel Méndez Sacadas, Manuel da Penela. Josefa, Marcelino, Visita e Gustavo eran os irmáns maiores daquela familia labrega.

Aprende a tocar a gaita de neno e con catorce anos entra a formar parte do quinteto Os Villaboas. Por ese tempo iníciase con Agustín do Cabo no oficio de zapateiro e instálase como tal na aldea da Ermida de Vilaboa. Anos máis tarde coñece a Salustiano de Lombardero, de Foxas (A Pontenova) que era fotógrafo en Meira, e comeza a traballar con el. En 1955 emigra á República Dominicana. Retorna ao cabo dun ano e arma o seu primeiro laboratorio fotográfico nun local anexo á casa de Veiguiña, próximo ao edificio do hoxe desaparecido Concello de Viloudriz. En 1959 contrae matrimonio con Pilar Díaz Linares e traslada o laboratorio á vivenda que alugan en Xinzo, que alberga tamén a taberna do lugar rexentada por Pilar desde entón. El fai da fotografía a súa actividade principal, que compaxina un tempo coa de viaxante de viño para a adega Elisa Cabo de Lugo.

A primeira cámara que emprega é unha Kodak Retina IA, que utiliza película de 35 mm. A finais dos anos 60 fórmase na técnica do retocado co fotógrafo ribadense Balbino Pérez. Nese período traballa con cámaras réflex de 35 mm e coas Rolleiflex formato 6×6 ás que seguirá posteriormente unha Mamiya de 4,5×6, modelo 645. Inicialmente usa carretes en branco e negro, en xeral de sensibilidade 100 ou 125 ASA, sumándose despois de maneira progresiva ao auxe da cor nas súas reportaxes de vodas, bautizos, comuñóns e mesmo nos retratos de carné. Realiza fotografía industrial para a fábrica de carrocetas MAFSA-IPV, e é tamén correspondente gráfico de El Progreso e de La Voz de Galicia.

Co nome de Foto E. Méndez instala a principios dos anos 70 o laboratorio e a tenda de fotografía na Casa de Lola de Colasito, na praza da Pontenova, onde continuará ata a súa xubilación en 1994.

NOTAS DE CAMPO

Non hai produtos no carro
Seguir mercando
Utilizamos cookies propias y de terceros para realizar el análisis de la navegación de los usuarios y mejorar nuestros servicios. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, pulsando en Máis información;