Os Oscos é unha comarca interior asturiana formada por tres concellos que, baixo este apelido común, se corresponden cos términos municipais de Samartín (San Martín), Santalla (Santa Eulalia) e Vilanova (Villanueva), ocupando, en total, unha superficie de 186,66 km² situada na parte mais occidental do Principado de Asturias, lindando xa coa provincia galega de Lugo.
Ó noroeste limita co concello de de Taramundi; ó norte cos de A Veiga (Vegadeo), Castropol e Bual (Boal); ó nordés e ó este co de Eilao (Illano); polo este con Pezós (Pesoz); ó sureste con Grandas de Salime e no suroeste e oeste co galego de A Fonsagrada.
Este territorio, considerado como de media montaña, no que predomina a cor verde e onde non falta un aire purísimo, con altas planicies, suaves e pendentes ladeiras, recias montañas, fermosos vales e ríos de augas transparentes que o cruzan, formando, nalgún caso, fondos barrancos, ten forma alongada de norte a sur.
Cunha poboación total de 1.434 habitantes en 2007, a parte norte está ocupada polo concello de Vilanova de Oscos, o máis extenso e menos poboado dos tres, cunha superficie de 72,98 km² e 411 habitantes. Ó leste atópase Samartín de Oscos, con 66,56 km² e 469 habitantes, achándose no suroeste Santalla de Oscos, o de menor superficie con 47,12 km² e maior numero de habitantes, 554, todos eles no devandito ano.
As cotas de altitude oscilan entre os 1.202 m na parte máis setentrional (pico Filso dá Bobia, na Serra deste nome) e os 200 m da oriental (cara ó tramo final do Río do Hío), cunha altitude media de 700 m.
Durante a primeira metade do século XX, os tres concellos aumentaron a súa poboación, empezando a decrecer entre 1950 e 1960, como consecuencia da emigración e o descenso do índice de natalidade, até verse moi reducida a finais de centuria, o que traería como resultado varios lugares deshabitados nos que medra a maleza e as súas casas perden progresivamente a estabilidade para converterse en símbolos do abandono ó lado duns terreos invadidos polo monte baixo e o arboredo.
Até entón, os seus habitantes practicaron unha agricultura cerealista de montaña destinada ó autoconsumo, empregando para iso unha tecnoloxía atrasada que repetía usos e costumes medievais, producindo escasos excedentes gandeiros, frutais ou artesanais que comercializaban nas feiras locais e comarcais.
Hoxe, a súa principal fonte de ingresos provén dunha gandaría orientada á produción cárnica, con algo de leite, e incorporouse o sector terciario mediante a rede de aloxamentos e restaurantes que trouxo consigo o turismo rural, comezando a implantarse tamén, nos últimos anos, o sector secundario coa creación dalgúns parques eólicos.
En canto ó aspecto cultural, debido ó illamento, conserváronse até hai pouco tempo significativas tradicións e costumes, e unha lingua propia (a fala) con marcada influencia do galego.
Máis información sobre Oscos nos seguintes enlaces web:
- Wikipedia (Samartin de Oscos)
- Wikipedia (Santalla de Oscos)
- Wikipedia (Vilanova de Oscos
- TVE Cuadernos de paso: Los Oscos
- TVE Los trabajos y los días: Los Oscos
- TVE: Destino España: Friedrich