A dixitalización das fotografías de Carlos Valcárcel

Detrás de Carlos Valcárcel. Fotografía etnográfica 1960-1980 hai un longo traballo que durou varios anos.

Na edición do libro seguimos os pasos suxeridos por Carlos, que consistían nunha primeira dixitalización dos negativos, realizada por el mesmo ao longo de varias sesións, e o posterior “revelado” dixital, tamén realizado polo propio fotógrafo mediante programas informáticos. Para el, a dixitalización é unha obra de artesanía resultado de malas experiencias co primeiro escáner cando comezou a gardar en formato dixital os seus negativos.

Carlos comezou a dixitalizar o arquivo a finais do século XX, utilizando un escáner de negativos Optic Film 7200, que lle costara bastante diñeiro, pero co que non conseguía resultados satisfactorios.

Despois de facer varias probas, colocando os negativos no cristal dunha ventá da súa casa mentres os retrataba cunha cámara dixital na que colocara un obxectivo macro, probas que non lle deran bos resultados, un día leu un artigo publicado na web de Román Montesinos en 2001 no que falaba dun método de dixitalización alternativo. Once anos máis tarde o propio Román volvía publicar, esta vez no seu blog, rescognita.com, a entrada na que comentaba de novo este sistema alternativo. O mesmo día, Carlos deixáballe o seguinte comentario: “Querido Román: Cuando me propuse digitalizar mis antiguos negativos, lo primero que hice fue adquirir un escáner de negativos de calidad recomendada. En los primeros negativos escaneados (llegué a tratar cerca de 3.000) ya observaba que el resultado […] no me permitía lograr la calidad a la que estaba acostumbrado en los positivos por inyección de tinta. Me resigné, hasta que leí tu sistema. Lo probé y quedé asombrado, incluso obtenía más matices y riqueza de detalles, e incluso podía llegar a más generosas ampliaciones sin menoscabo alguno. Desprecié aquellos 3.000 negativos que había recuperado y comencé de nuevo. Los resultados, [para] el que me conozca, saltan a la vista. Otra ventaja, es que puedes tratar cualquier negativo, independiente de su tamaño. Gracias Román y que te perdonen los vendedores de escáneres.”

O sistema consistía en: “Fotografiar el negativo con un objetivo macro y usar un sistema de retroiluminación que sea lo suficientemente difuso como para no iluminar más una zona que otra en el negativo. Una vez obtenida la foto en RAW se procesa con Photoshop u otro programa de imagen. El siguiente paso, para negativos en blanco y negro, es invertir la imagen, con lo que obtenemos un positivo. Tras ello, lo que hay que hacer ahora es corregir los blancos, lo que se hace fácilmente con el cuentagotas de ‘niveles’ de Photoshop. Si hace falta, tras un poco de trasteo con el programa, tenemos el positivo totalmente listo.”

Deste xeito comezou a dixitalizar, fotograma a fotograma, o seu arquivo coa axuda das súas netas María e Tere. E así continuou ata completar todos os negativos, repetindo o proceso novamente cando compraba unha nova cámara de maior resolución, ata as últimas dixitalizacións para o libro, que realizou coa Sony A77.

Ese material dixitalizado foi tratado posteriormente no ordenador procurando respectalo ata lograr os mesmos resultados que obtiña nas ampliacións. Á hora de “revelar” eses “negativos” optamos por buscar un resultado o máis fiel posible ao seu estilo da época de fotografía química.

Despois dunha primeira selección das posibles imaxes para incluír no libro en colaboración con Carlos, pasamos a realizar outra, moito máis difícil, entre case 2.000 fotografías que posteriormente reducimos a 1.000.

Unha vez aproximadas as fotografías que iamos publicar, traballo no que tamén participou o noso director de fotografía José M. Salgado, ao final quedámonos con 197 imaxes que fomos ordenando con criterios artísticos e periodísticos para agrupalas de acordo ás persoas e o que fan. A decisión final foi crear os tres grandes grupos nos que configuramos o libro: O traballo, A socialización e As xentes.

A seguinte fase foi contactar co artefinalista para buscar a óptima calidade de impresión contando coa supervisión de Carlos. Para iso elixiu unhas cantas imaxes, fixo un documento para a imprenta cos axustes necesarios e volvemos a Lugo con Juan Carlos Pichel, o artefinalista, para mostrarlle unha proba de impresión en máquina que Carlos aprobou.

A continuación veu todo o traballo de deseño e maquetación con Inés de la Peña e, finalmente, as artes finais e a preparación do documento para imprimir en bitono sobre papel Fedrigoni de 170 g. Tras chegar á imprenta, desprazámonos unha vez máis a Lugo para entregarlle en man o primeiro exemplar a Carlos Valcárcel que, despois de velo e gozar do momento, nos dedicou amablemente outro para nós.

Dixitalizando, con María, os negativos

Negativo dixitalizado

Revelando no ordenador

Revisando, con Tere, as probas de impresión

O día que recibiu o primeiro exemplar

NOTICIAS

Papas de maíz