Rasgos sociais do lobo
O lobo é un animal posuidor de grandes dotes de sociabilidade, formando grupos organizados xerárquicamente capaces de desprazarse longas distancias na procura de alimento. O seu aspecto aparentemente tranquilo e andar cansado, desaparecen cando ataca cunha gran velocidade, valentía e forza, primando no abordaxe final o grupo sobre o individuo, onde cada lobo ten o seu papel e o seu posto que cubrir. Incansable na persecución, basea o seu éxito na persistencia do acoso sobre a presa que flaquexa logo de horas de asedio. Forman grandes cacerías en grupo, moi ben organizados, concentrados, e persistentes, pero poden ceder cando se enfrontan a unha presa valente que lles fai fronte. Esta organización no ataque final deu pé a pensar, no maxín popular, que os lobos celebraban un consello entre eles onde estudaban, antes de partir, as características do terreo, os postos a cubrir nos flancos e a vítima; en definitiva, que planeaban o ataque.
Os lobos solitarios, que se emancipan da manda para procurar novos territorios, téñense que buscar máis a vida e deseñan tácticas de asedio ou seguimento. A estes lobos individuais compáraos Alvaro Cunqueiro cos propios Galaicos, pois táchaos de minifundistas, en contínuas liortas para conservar as súas servidumes de paso e as súas pequenas propiedades.
Algúns animais que viven no monte en réxime de semiliberdade deseñaron técnicas de defensa contra o lobo, como as vacas, que se agrupan en círculo, metendo no medio ás crías e defendéndose a cornadas, ou os cabalos, que se cerran coa cabeza no interior do círculo e as patas traseiras por fóra para protexerse a couces.
Na estrita xerarquización da manda hai unha parella dominante “alfa”, que soe ser a única que se aparea e reproduce. Os demáis van establecendo o seu status mediante pelexas rituais nas que se determina a quenda para alimentarse, na que manda a parella alfa, que é a que come primeiro, comezando polos órganos vitais.
A parella dominante, que é monógama, soe ser duradeira, cun protocolo durante o celo, onde hai un gran cortexo do macho á femia con xogos, caricias e constantes persecucións. A femia mantén alonxadas da manda ás outras para que o macho alfa non se aparee con elas.
Toda a manda involúcrase no coidado e cría dos lobetos, levando o alimento na súa boca, ou no estómago, chegando a vomitalo para que os cachorros poidan comer. A nai cambiaos constantemente de lugar e nunca os deixa sós, xa que cando vai cazar sempre quedan dous adultos coidando da lobeira. A femia alfa elixe unha “coidadora”, que continúa coa educación dos lobetos tralo destete, para poder adicarse de novo a dirixir a manda. A mortalidade infantil é elevada e os lobetos morren cando escasea a comida ou presa doutros depredadores.
Os lobos adoitan rastregarse na prea, vigorosamente, para transmitirlle información ao resto dos membros da manda e para confundir ás presas cun olor que camufla ao propio cando atacan a favor do vento. Teñen unha ampla gama de expresións faciales que transmiten unha mensaxe ou o estado de ánimo: dominio, submisión, enfado, medo, defensa, agresividade, relaxación, tensión…
Para delimitar o seu territorio son frecuentes as marcaxes e riscaduras nos cruces de camiños, empregando tamén excrementos que intensifican nas portelas e nos eixes das serras. O seu territorio e moi amplo, para unha manda media (8-10 lobos) precísanse uns 200 km2, e non adoitan cazar nos límites para evitar os encontros violentos con outras.
Teñen un gran repertorio de ouveos e chamadas que lles serven para identificarse, reagruparse trala cacería, comunicarse coa manda, defender o territorio, ou fortalecer vínculos sociais e de amizade, así como moitas tonalidades para confundir ás mandas rivais, non soendo responder a elas os lobos solitarios, aínda que sí o fan outras mandas, o que pode ser causa de conflitos entre elas. Ladran cando están nerviosos e queren advertir un perigo aos compañeiros e gruñen para ameazar ou, no caso dos máis cativos, para chamar a atención dos maiores.
(Texto e fotos sacados do libro Os foxos do lobo. A caza do lobo na cultura popular. As imaxes están suxeitas a copyright).

Máis información sobre o lobo nos seguintes enlaces web: