Bieito Romero

Bieito Romero (A Coruña, 1964), con raíces na Ribeira Sacra ourensá (Xunqueira de Espadanedo e Esgos), comeza no mundo da música con 13 anos, levado polo seu interese nas músicas galega e celta. As súas inquedanzas culturais, nun tempo en que o acceso á información carecía das facilidades de hoxendía, lévano a participar en diferentes revistas e colectivos da época. Mentres continúa a súa formación musical participa e actúa con diferentes grupos e músicos da cidade: Adro, Neboeiro, Roi Xordo, Augamel… ata que finalmente, en 1986, funda Luar Na Lubre.

Ao tempo que inicia esta nova e definitiva andaina musical, forma parte de recoñecidas agrupacións folclóricas e etnográficas, tales coma o Ballet Gallego Rey de Viana, fundado en 1949 e considerado no seu momento un dos catro ballet folclóricos máis importantes do mundo, ou a Asociación folclórica Xacarandaina, unha das primeiras escolas de música tradicional de Galicia.

Como profesor de gaita, crea a Banda de Gaitas Os Rexumeiros, que foi canteira de músicos como Melo Suarez, Xan Xove, Iago e Brais Maceiras, Luisa Sarmiento ou Susana Seivane. Tamén foi o creador do colectivo coruñés O Son da Terra adicado á recollida de música tradicional por Galicia e territorios limítrofes que da lugar a un arquivo sonoro de cuxo repertorio nútrense numerosos músicos do país.

Comprometido coa difusión das músicas tradicionais colabora con diferentes emisoras de radio dende os anos noventa, encargándose na actualidade da dirección do programa Un mundo de músicas, en Radio Voz Galicia. Na mesma liña, é cofundador de varios locais de hostalería entre os que destaca A Cova Folk, establecemento pioneiro neste tipo de músicas na cidade de A Coruña e visitado por artistas da talla de Paco Ibañez, Jimmy Joung, John Whelan, Pat Kilbride, Eric Rigler, Matt Molloy,  Phil Cunningham, Xuacu Amieva, Manu Chao, e un longo etcétera.

A súa paixón pola etnografía transcende o eido musical, todos os seus traballos discográficos están salpicados por referencias a lendas e outras historias de tradición oral, e cabe salientar a súa afección pola arquitectura popular, froito da cal percorre toda Galicia atesourando fotografías de hórreos, camposantos, cruceiros e demais construcións, prestando especial atención ás diferentes simboloxías que vai atopando. Isto último tradúcese nun arquivo de máis de 3.000 imaxes procedentes de distintos lugares do país, o que no ano 2009 dá lugar ao seu primeiro traballo editorial: Xeometrías Máxicas de Galicia seguindo esa estela no 2019 edita Simboloxía Máxica en Galicia, recompilacións de mais de 500 fotografías que mostran a enorme riqueza da simboloxía galega e, nalgún caso denuncia o deterioro ou incluso a desaparición deste importante legado patrimonial (algúns dos símbolos recollidos neste traballo non existen na actualidade).

Como compositor, conta no seu haber con máis de 250 temas, gran parte deles repertorio xa habitual de moitos gaiteiros do país, e reinterpretados por diferentes grupos e solistas, nomeadamente “O Son do Ar”, peza habitual nas aulas de música e, probablemente, a canción instrumental de orixe galega máis versionada no mundo, en gran medida grazas á adaptación que deste tema fixo o músico británico Mike Oldfield, e que abre o seu CD Voyager.

Ao longo da súa traxectoria artística ten colaborado como músico e compositor con agrupacións de moi diferentes estilos, como Mägo de Oz, Cómplices, Brandania, Briganthya, Pablo Bicho, Lucía Pérez, Astarot, etc. En 2010 compón e grava a Banda Sonora da película Doentes, do director Gustavo Balza, baseada na novela homónima de Roberto Vidal Bolaño, e que foi elixida como mellor película dos Premios Mestre Mateo 2011, incluíndose entre as súas 13 nominacións a de mellor música orixinal.

Con Luar Na Lubre, ao seu labor como compositor e músico multi-instrumentista (gaita, acordeón diatónico e zanfona), súmase o de produtor, gravando a día de hoxe un total de 18 traballos discográficos, ademais dunha longametraxe documental: “Un Bosque de Músicas” que foi galardoada cun premio Mestre Mateo por mellor banda sonora orixinal. Logo de 33 anos a formación ten acadado multitude de premios e un recoñecemento que a consolida como banda de referencia da música celta internacional, con máis de 1500 concertos en máis de 30 países, con 2 discos de ouro consecutivos, superando os 400.000 discos vendidos que contan con colaboracións tan variadas como as de Ismael Serrano, Pablo Milanés, Lila Downs, Adriana Varela, Donal Lunny, Nollaig Casey, Martin O’Connor, Luz Casal, Diana Navarro, Pedro Guerra, Pat Kilbride, A Coral de Ruada, Miro Casabella, Sés, Miguel Ríos ou Victor Manuel.

Con Editorial Canela participa no libro Manuel Fernández Díaz. Manuel do Juano (2021).

NOTAS DE CAMPO

Non hai produtos no carro
Seguir mercando
Utilizamos cookies propias y de terceros para realizar el análisis de la navegación de los usuarios y mejorar nuestros servicios. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, pulsando en Máis información;