Xosé Iglesias

Xosé Iglesias Lamela (Cee, 1974) é capitán de pesca-mariñeiro e poeta co cerne no mesmo Atlántico salvaxe da Costa da Morte. O mar é a súa profesión dende sempre e nos últimos 20 anos  traballa a bordo do seu pesqueiro de baixura, o Primero Villar. Xusto dende a perspectiva da ponte deste pequeno navío é onde Xosé mistura a palabra coa paisaxe, co traballo, con eses horizontes presos a toda inclemencia meteorolóxica. O mar narrado en figuras poéticas dende o mesmo mar. Dende a liberdade de hipotecar sempre o noso destino ao vento.

No ano 2014 sae á luz o seu primeiro poemario mariñeiro, Transfusión oceánica, que publica na editorial Caldeirón. No 2016 é galardoado na novena edición dos Premios de poesía Victoriano Taibo por A relixión do mar e nese mesmo ano colabora con Editorial Canela, formando parte do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, no libro Aldeas sen voz do fotógrafo cántabro Vicente Ansola.

Ademais de poeta tamén é acuarelista autodidacta. En 2020 publica o seu primeiro álbum ilustrado, Nación Mar, un salto da poética escrita á poesía visual. No 2022 publica dous poemarios, Luces da Costa da Morte e Atlántico Norte, chamádeme Ismael e no mes de setembro dese ano inaugura Cetácea, a súa primeira escultura oceánica, unha homenaxe en forma de faro e baleas en madeira a todo ese mundo arredor dos mamíferos mariños que chegan ás costas galegas.

Agora, co seu novo fillo: Nao cetácea, arranca un tempo de colaboración coa Editorial Canela, que abre unha nova liña editorial dentro do mundo do libro ilustrado.

NOTAS DE CAMPO

[fichas t=post c=2 d=50 hns=h3]