Moisés Quintas Suárez (Bande, Ourense, 1965) é diplomado en maxisterio na especialidade de Ciencias Humanas e mestre especialista en Educación Musical. Estudou guitarra e frauta traveseira nos conservatorios de Ourense, Cádiz e Vigo, sendo profesor de guitarra clásica polo Real Conservatorio de Música de Cádiz. Forma parte de distintos seminarios permanentes de Música na Educación, entre os que cómpre destacar o desenvolto na aula hospitalaria do Xeral-Cíes de Vigo en 2009, ocupándose da música tradicional galega no ciclo anual, proxecto que acadou o primeiro premio á innovación educativa dese ano, concedido pola CEOU da Xunta de Galicia, e o premio CREARTE 2009, concedido polo MEC de España.
Fundou o grupo folk Soeiras (1985), co que participou en tres discos do festival Cantareliña, con cantigas para nen@s da súa autoría. Foi frautista na Banda de Música Municipal de Bande (1989-1993) e formou parte do grupo Arco da Vella (1989-1998), co que gravou o álbum Xingra (1990) e colaborou no disco colectivo Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro (1989). Tamén participou en Que o pano non me namora (2002), do grupo Malvela, en Meniños Cantores (2005) e como músico, arranxista e produtor musical en Cinsa namorada (2007), do cantautor Tino Baz. Ademais, é membro fundador do grupo Trasmundi (1999), co que gravou Raianos (2001) e En tempos que se foron… (2010).
En canto a traballos impresos, ten publicado o libro-CD: Guía Didáctica de Instrumentos Galegos (2011), o libro-web: Pito Galego, Método práctico (2015) e Terra e Alma (Editorial Canela, 2017).
En 2016, o festival Música no Claustro dentro da sección “Amor e vida pola música”, fixo un recoñecemento público polo seu traballo diario na edición, creación e difusión da cultura musical. Na actualidade compaxina a súa profesión de docente na área de Educación Musical no CEIP Xosé Fernández López, do Porriño, coa recollida de música tradicional, concertos, composicións e arranxos musicais.