Mº José Lois, J.M. Ortiz, Samuel Ortiz, Albino Quinteiro

Mª José Lois Vázquez (Santiago de Compostela, 1959). Estudante de Psicoloxía, custeábase a carreira con traballos de calceta, pero arredor de 1984, despois de abandonar os estudos, iniciouse na aprendizaxe da teceduría tradicional. Dende entón complementa o seu traballo con cursos de perfeccionamento en alto e baixo lizo, de fiado, teoría téxtil e deseño asistido por ordenador, tisaje de alfombras planas en baixo lizo, encaixe de palillos e confección de feltro. Fai anos que imparte cursos de teceduría en alto e baixo lizo para asociacións, institucións, concellos, colexios e particulares. Actualmente combina o traballo no seu taller de Pontecaldelas (Pontevedra) coa divulgación da técnica do “encaixe de horquilla”, hoxe case desaparecida tras ter un gran peso en Galicia, e a estudar e ensinar confección de chales e toucas con técnicas tradicionais e contemporáneas. No ano 2002, a súa peza Chal Ouro, mereceu o primeiro premio na modalidade contemporánea da IV edición dos Premios de Artesanía Antonio Fraguas, da Deputación da Coruña.

José Manuel Ortiz Pereira (Santiago de Compostela, 1955). Despois de abandonar a Facultade de Ciencias Biolóxicas, completou a súa formación de talla en madeira coa de pedra e acibeche. Durante anos traballou como ebanista e na carpintaría de ribeira. Subvencionado pola Deputación de Pontevedra, aprendeu a técnica da forxa, que ampliou na Escola dos Oficios de León e con outros moitos mestres da Península e o estranxeiro. Actualmente, aplica os seus coñecementos de xeito especial no campo do deseño e a escultura. Neste sentido destacan múltiples esculturas públicas realizadas por grupos máis ou menos numerosos de ferreiros baixo o seu deseño emprazadas en Lugo, Santalla de Oscos, Taramundi, A Fonsagrada, Ziérbena (Biscaia) e outras partes da xeografía peninsular.

Samuel Ortiz Lois (Ourense, 1989). Estudante de quinto e derradeiro curso de Historia da Arte na Univesidad de Santiago de Compostela e fotógrafo, coñece á perfección a tradición téxtil galega, por vivila directamente no ámbito familiar e acompañar aos seus pais cando realizaron o traballo de campo que, anos despois, dá lugar a esta publicación. Os seus coñecementos no campo da carpintaría e a forxa son os propios dun aprendiz de taller con experiencia dende a infancia e participou como ferreiro na realización da maioría dos proxectos públicos de José Ortiz.

Albino Quinteiro Mora (Vigo, 1949). Creceu no ámbito da Escola de Artes e Oficios de Vigo, grazas ao cal gañou o Premio Nacional de Ourivaría aos catorce anos. Licenciado en Xeografía e Historia, dende 1960 defínese como neo artesán téxtil, dedicado á produción, investigación, divulgación e docencia. Os seus coñecementos e espírito emprendedor fixérono merecedor, entre outros, de varios premios da Xunta de Galicia para a investigación téxtil e un premio da Unión Internacional de Tecedores por un programa de deseño téxtil asistido por ordenador. É membro da Comisión Galega de Artesanía, da Asociación Europea Téxtil e da Asociación de Tecedores Americanos.

Todos eles son os autores do libro Tejeduría tradicional en Galicia. El telar y la técnica (Editorial Canela, 2012).

NOTAS DE CAMPO

[fichas t=post c=2 d=50 hns=h3]