O carballés Marcos Rodríguez Cotelo naceu en Milán (Italia) o ano 1973. Mestre Fotógrafo titulado e Fotógrafo Distinguido pola Federación Española de Profesionais da Imaxe (FEPFI), exerce desde 2009 como profesional da fotografía na Costa da Morte.
Traballou de xefe de fotografía no semanario O Acontecer da Costa da Morte entre os anos 2007 e 2009, labor que compaxinaba co de fotógrafo nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Bergantiños e o deportivo dxt Campeón, ata xaneiro de 2011, ao tempo que colaboraba co diario dixital Que pasa na Costa e, desde xuño de 2011, con La Voz de Galicia.
En 2017 embarcouse, da man da ONG Égueire de Mazaricos, no que el mesmo define como o seu proxecto máis emocional. Así, entre novembro e decembro viaxou a Costa de Marfil, onde durante máis de dúas semanas retratou as súas xentes e a inauguración da Maternidade que a ONG construíu no poboado de Nandibú.
O ano 2018 foi comisionado pola Fundación Catedral de Santiago para realizar unha reportaxe fotográfica única e excepcional que consistía en retratar o Pórtico da Gloria xusto no momento culminante da súa restauración. Neste proxecto non só demostrou a súa destreza técnica, senón tamén a capacidade para capturar a esencia histórica e artística dun monumento tan excepcional.
Dous anos máis tarde, a mesma Fundación confiou de novo nel para inmortalizar outro tesouro arquitectónico: o Altar Maior da Catedral. A habilidade para revelar a maxestadade e a espiritualidade deste lugar sagrado quedou plasmada en cada imaxe, consolidando aínda máis a reputación de Marcos como fotógrafo.
Ao longo dos anos, a súa cámara é testemuño do devir social e cultural da comarca, pero o seu labor como fotógrafo obtén, ademais, repercusión nacional e internacional, como proban os numerosos premios e recoñecementos que ten no seu currículo.
Finis Terrae é a primeira publicación individual de Marcos Rodríguez.