(Bande, 1972)
David Pérez López (Bande, Ourense, 1972) é un arqueólogo que leva anos estudando o fenómeno foxo. Cun amplo traballo de campo realizado, coñece practicamente todos os foxos do noroeste. Foi, ademáis, o director da escavación do foxo das Covateiras, a primeira intervención arqueolóxica realizada en Galicia dende o punto de vista centífico, que deu como resultado o estudo e reconstrución desta extraordinaria trampa na Baixa Limia. Licenciado en Historia pola Facultade de Humanidades de Ourense, onde realizou os cursos de doutoramento, englobados baixo o título: “Sociedade, poder e cultura na Historia”, presentou como traballo de investigación, dentro do programa “Neolítico e calcolítico na prehistoria recente europea”, a tese de licenciatura: Análise do emplazamento tumular na serra de Bande: patróns de asentamento. Especializado en avaliación e xestión do patrimonio cultural e arqueoloxía da paisaxe pola Universidade de Santiago de Compostela, completou a súa formación con diversos cursos relacionados co patrimonio arqueolóxico, etnográfico e coa arqueoloxía espacial.
Profesionalmente desenvólvese no mundo da arqueoloxía dende 1988, con diferentes participacións en proxectos patrocinados pola Universidade de Santiago e a Fundación Federico Maciñeira. Dende o ano 2003 participa ininterrompidamente, como arqueólogo técnico de Terra-Arqueos, nas escavacións arqueolóxicas da cibdá castrexa de San Cibrán de Las, que complementa con multitude de intervencións arqueolóxicas en diferentes proxectos espallados por toda Galicia. Fóra dela, destaca o seu traballo de catalogación patrimonial dentro do proxecto “Prospección arqueológica en la provincia de León: Montaña y Ribera del Esla”, así como a “Prospección para la delimitación del B.I.C. Bergidum Flavium”, no Bierzo. Dende o 2006 compaxina os traballos de arqueólogo técnico coa dirección de diferentes sondaxes e intervencións levadas a cabo no Casco Histórico de Ourense e en diferentes vilas galegas, destacando a prospección arqueolóxica “Cara a delimitación e declaración de B.I.C. Xacementos Castrexos” e, por estar directamente vencellada co libro, a súa dirección do “Proxecto de sondaxes arqueolóxicas no foxo do lobo de Vilar”. Ao longo do 2009 dirixiu a catalogación dos bens patrimoniais vencellados ao “Plano Director da Vía Nova na Baixa-Limia”, documentando tramos inéditos da calzada romana.
Tamén colabora coa revista Arraianos onde publicou os artigos: “Minería e carbón na raia seca: etnografía e arqueoloxía industrial” e “Camiño da Rainha Santa ou camiño portugués a Santiago”, e en Lethes: “Os foxos do lobo no Parque Internacional Gerês-Xurés” e “A Cela: patrimonio etnográfico. Estudo e proposta de recuperación integral”.
Nos anos anteriores a 2010, realiza unha profunda investigación que dará como resultado o libro Os foxos do lobo. A caza do lobo na cultura popular , publicado por Editorial Canela en outubro dese mesmo ano.