Carlos Rey Cebral comeza no mundo da gaita no ano 1976, sendo alumno de Manuel Jamardo, director do grupo Os Encantiños do Umia.
Entre 1981 e 1985 forma parte do cadro de gaitas do grupo santiagués Brincadeira, formado por antigos compoñentes da Sección Feminina.
No 1985 funda, con Loli Bravo e Cándido Meixide, o grupo Pallamallada, no que permañece durante nove anos. De 1989 a 1994 dirixe a sección de gaitas da agrupación santiaguesa Cantigas e Agarimos. No 1995 funda, xunto con Xan Martínez, Os Terribles de Arousa, grupo de gaitas e música tradicional.
Coa discográfica madrileña TecnoSaga, especializada en gravacións de temas do folclore español a través de traballos de campo, dirixe as dúas campañas feitas en Galicia (1985 e 1988) que deron como resultado os discos que levan por título Derradeira polavila, Cicro do ano e Os ritmos bailables. Coa mesma discográfica participou na elaboración da maior recompilación sonora de romances feita ata a actualidade en España, editada en seis volumes baixo o título El romancero Panhispánico, así como na colección «A tradición musical en España» ambos premiados polo Ministerio de Cultura. Foi director da revista A Grileira, editada pola Asociación de Gaiteiros de Santiago. É autor de multitude de libros e artigos sobre folclore e costumismo galego.
A finais de novembro de 2026 publica coa Editorial Canela Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega.