Os de Buño son oleiros,

os de Malpica son pescos,

os de Tallo serradores

e os de Pazos carreteiros.

Asi di unha vella cántiga que recollemos en Buño o mes de maio de 1979 na voz de Generosa Añón. Nela describe claramente cal era a principal actividade económica local en comparación con outros lugares máis próximos.

Santo Estevo de Buño é unha parroquia do concello coruñés de Malpica de Bergantiños, situada nunha encrucillada estratéxica de estradas que lle permiten comunicarse daoadamente coa capital do concello (Malpica, a 7 km) e da bisbarra (Carballo, a 10 km), así como coas terras de Ponteceso e Agualada. Ten unha extensión de 450 ha e uns 100 m de altitude media, cun relevo suave de terras que producen millo e pataca.

Rodean esta parroquia as de Santa María de Leiloio, San Martiño de Cambre, San Cristovo de Cerqueda, San Xoán de Xornes e San Salvador de Pazos, as dúas últimas do veciño concello de Ponteceso.

O pobo de Buño está formado polos barrios de Santa Catalina, Santa Filomena, Os Mouróns, A Costa, O Rueiro, O Gaio, O Empalme, O Cruceiro, A Fonte, Buena Vista (tamén chamado Vista alegre ou Campo da culpa), A Laxe, A Pedreira, A Xaviña (ou Campo da Xaviña), Rúa Nova, A Camposa, Forno Novo e Os Barreiros, todos eles de fonda relación coa olería, así como os próximos de Pernes e O Piñeiro.

No Nomenclator de 2009 (INE), Buño aparece con 600 habitantes, que veñen decrecendo anualmente dende 1950, momento de maior poboación, cando contaba con 1067 habitantes de feito.

Asentado sobre chans arxilosos pouco produtivos para as labores agrícolas, existe un importante depósito de barro no lugar dos Barreiros, onde se surtiron durante séculos varias xeracións de oleiros para desenvolver a actividade económica máis representativa do lugar, ao aproveitar a súa gran calidade e as diferentes características do barro extraído, cunha importante vea que ocupa unha ampla extensión entre A Camposa e A Telleira.

Segundo os filólogos, o seu topónimo provén da palabra prerromana “buño”, que é unha especie de xunco, unha planta de nacemento espontáneo en terras arxilosas, como as que se encontran aquí e que serviron de materia prima para o desenvolvemento da súa industria máis característica: a olería, que fixo deste lugar un punto internacionalmente coñecido, sendo un dos principais centros de produción oleira de Galicia e dos máis importantes de España.

Buño

Ata mediados do século pasado, a principal activide foi a olería, dedicándose a ela a maior parte da poboación, directa ou indirectamente. Dende entón, comeza a reducirse a actividade, e nos anos 60 e 70 prodúcese unha importante emigración que lle fai sofrer unha forte crise que ameazaba rematar coa olería tradicional. Non será ata os anos 90 desa mesma centuria cando se empece a producir, lentamente, a recuperación do oficio, aínda que marcado agora por novas técnicas e deseños que, sen deixar de ter como referencia aos tradicionáis, adáptanse mellor a un mercado totalmente diferente e dirixido cara á decoración e ao turismo.

En Buño fálase unha variante dialectal do galego, a correspondente a área bergantiñá, dentro do bloque occidental, caracterizada pola gheada, un fenómeno fonético que consiste en pronunciar o fonema /g/ obstruinte velar como [ħ] (aspirado xordo), semellante ao [h] do inglés en house. A gheada representase en la escrita mediante o dígrafo gh, como por exemplo: bughina, leghón.

Ao longo do ano celébranse varias festas, sendo famosas as do entroido, co característico persoaxe local: A Mikaela; as de Santo Estevo, en decembro, que son as do patrón; San Antonio, en xuño, e as de Santa Filomena, na primeira quincena de Agosto, coincidindo coa Mostra da Olería, á cal acoden todos os oleiros para vender a súa produción, así como numerosos visitantes. Entre as actividades da Mostra encóntrase a Cocedura tradicional,  na que un grupo de oleiros veteranos reviven unha cocedura antiga ao aire libre nun forno de pedra exterior e tiro vertical alimentado con toxo. O lugar indicado para iso é o Forno do Forte, recuperado hai varios anos dentro do conxunto que forma o Ecomuseo do seu nome.

Restos de técnicas superadas, consérvanse nesta vila cinco fornos exteriores de tipoloxía tradicional (Forno dos Mouróns, Forno da Costa, Forno da Lucha, Forno dos de Laura e Forno do Forte) que foron utilizados ata hai poucos anos polas familias oleiras para realizar a derradeira fase do proceso produtivo. Algún deles, como o dos Mouróns ou o do Forte, están recuperados e pódense visitar para coñecer directamente como eran estas vellas instalacións.

Nos Arredores de Buño hai tamén outros elementos de interese histórico e etnográfico que convén coñecer, como o Carballo de Santo Estevo, o Conxunto Etnográfico da abellariza ou o dolmen de Pedra da Arca, en Cerqueda, lugar onde residío Celestino Álvarez Castro, “Celestrino”, o extraordinario regueifeiro bergantiñán.

Tamén recomendamos desprazarse ata a costa, dentro do propio concello de Malpica e a 5,5 km de Buño, para chegar ao lugar da Ribeira (preto de Ardeleiro) onde, nun fermoso entorno de acantilados, en plena Costa da Morte, consérvanse cinco muíños que aproveitan a auga do chamado Rego dos muiños. Todos eles foron rehabilitados e paga a pena achegarse a esta paisaxe virxe e afastada de núcleos habitados para contemplar a inmensidade do mar e o enxeño do home para aproveitar os escasos recursos hídricos que aporta o lugar nun espazo onde non se podía moer todo o ano, unhas veces pola carencia de auga e outras pola forza do temporal que batía o lugar.

Moi preto de Buño encóntrase tamén o Monte Nemio (387 m), espectacular mancha branca que se divisa dende unha área xeográfica importante. Hoxe cuberto de antenas, e con pozas que se forman coa chuvia, estivo ligado á minaría, con extracción de wolframio para exportar a Alemaña durante a Segunda Guerra Mundial.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin

NOTICIAS

Non hai produtos no carro
Seguir mercando
Utilizamos cookies propias y de terceros para realizar el análisis de la navegación de los usuarios y mejorar nuestros servicios. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, pulsando en Máis información;