Xosé Seivane. A gaita con maiúscula - Editorial Canela
COLECCIÓN

Xosé Seivane. A gaita con maiúscula

PRECIO:

37,00 IVA inc.

SINOPSIS

 

VISTA PREVIA  PDF

 

PRESENTACIÓN DO AUTOR

 

PRESENTACIÓN DE SUSANA SEIVANE

 

 

O libro organízase en catro partes. A primeira, denominada convencionalmente Capítulo I, fai un achegamento ao artesán tendo como cerna a súa vida: onde nace, quen era a súa familia, o seu casamento con Fuencisla, como o lembran as persoas que o trataron na Ribeira de Piquín etc. No seguinte capítulo Xosé Manuel Sánchez Rei céntrase de preferencia no desenvolvemento do Obradoiro, desde 1939, en que Seivane constrúe de modo autodidacta a súa primeira gaita, até ao momento en que se produce a unificación en Cambre, pasando polos diferentes locais en que estivo asentado. A terceira das partes proporciona unha aproximación ao fabricante desde as impresións que gardan del persoas vinculadas ao mundo da gaita ou da cultura galega. O Capítulo IV, por súa vez, está alicerzado na compilación de melodías en que el propio volta a ser protagonista, nas cales se diferencian dúas tipoloxías: unhas corresponden a pezas transmitidas, compostas ou interpretadas por Seivane e outras son creacións dedicadas a el; aquelas, máis de corenta, foron transcritas por Daniel Bellón e Pedro Lamas, que desenvolven un traballo caracterizado por un criterioso e escrupuloso rigor. Por último, a derradeira das partes recolle de maneira sintética os aspectos máis relevantes expostos ao longo do traballo, o cal finda coas referencias e fontes documentais que figuran nel citadas.

Os case noventa e un provectos anos que tiña Seivane cando faleceu permitíronlle ser testemuña de profundas transformacións culturais, económicas e políticas que se produciron na sociedade galega. Con independencia da intensidade ou do modo con que as interiorizase ou das lembranzas que podería seleccionar a súa memoria a tal respecto, temos de notar que as experiencias vitais do artesán foron perpasadas pola proclamación do Estatuto de Autonomía da Galiza en 1936, pola devagariñada evolución da escala da gaita desde o antigo sistema modal ao moderno tonal case temperado, pola sublevación fascista e a subsecuente Guerra Civil, pola Segunda Guerra Mundial, pola ditadura, pola reemerxencia na reivindicación política da cultura e lingua galegas nos anos 60-70, pola proclamación da monarquía parlamentar após a morte de Franco, polo desenvolvemento da administración autonómica, polo premeditado acoso ao mundo rural e mariñeiro, polo forte rexurdir da música tradicional e folque nas décadas de 80 e 90 etc. Por iso, aparecen ao longo do texto diversas contextualizacións culturais, históricas, musicais etc. que dan conta da situación do país nalgúns momentos da vida de Seivane.

Outrosí, o traballo foi concibido por Xosé Manuel Sánchez Rei para un público amplo, tanto especializado en diversos graos no mundo da gaita ou da música canto só interesado por simple vontade de coñecemento. De aí que algunhas persoas poidan entender que certos temas son sobradamente recorrentes, os cales, talvez, non o sexan para xente allea á música de orixe tradicional. E mesmo poderá haber xente que achará en falta certas cuestións ou un maior grao de aprofundamento en diversos aspectos, en paralelo a outra que, en confronto, é capaz de considerar que tales temas xa están desenvolvidos de modo suficiente.

No tocante ás fontes de información, o autor procurou, en todo o momento e sempre que posíbel, que os datos achegados estivesen documentados. No xeral, distínguense varias tipoloxías de documentacións: (i) as escritas, isto é, artigos, noticias de prensa, publicacións diversas etc.; (ii) as audiovisuais, ou sexa, programas e documentarios radiofónicos ou televisivos, ben como algunhas gravacións de particulares; e (iii) as orais, quere dicir, rexistros de entrevistas feitas por Xosé Manuel Sánchez Rei principalmente en decembro de 2017 e no verán de 2018. Dentro destes dous últimos tipos (ii)-(iii), e dada a diferente procedencia xeográfica das persoas que axiron como informantes e as consabidas variedades lingüísticas que se detectan, estes treitos orais, quitando algunha puntual excepción, aparecen reproducidos en galego estándar de forma a proporcionaren ao texto unha maior sensación de unidade lingüística. Nestes medios, dado que Seivane se expresaba normalmente en galego e que as máis das entrevistas que lle foron feitas foron vehiculizadas nesta lingua, o autor optou por traducir unha que fora concedida a unha emisora estatal de radio nos anos 80 do pasado século e que se desenvolvera en español. De similar maneira, algún encontro que se realizou total ou parcialmente nesta lingua tamén foi posto en galego.

En síntese, Xosé Manuel Seivane Rivas. A gaita con maiúscula dá conta dos aspectos máis importantes da vida de Seivane, non só do punto de vista da súa faceta como artesán, mais tamén tendo en consideración a familia, as amizades, o seu contexto vital e cultural etc. Unha obra, en definitivo, que se torna indispensábel para as persoas que aman a música tradicional ou que coñeceron Seivane.

 

O libro, no que colaboran Daniel Bellón e Pedro Lamas, contén, ademais dun álbum fotográfico que abarca a vida familiar e profesional de Xosé Seivane, doce imaxes realizadas en exclusiva para esta publicación polo recoñecido fotógrafo cántabro Vicente Ansola.

 

ENVÍO GRATIS EN COMPRAS SUPERIORES A 50€

FICHA TÉCNICA

Autor: Xosé Manuel Sánchez Rei.
Prólogo: Xosé V. Ferreirós
Formato: 227 x 240 x 23 mm
Nº de páginas: 468
Encuadernación: Cosido, rústica con solapas
Contenido extra: Marcapáginas
Lengua de publicación: Gallego
Impresión: ALVA, Galicia
Fecha de edición: diciembre, 2019
Número de edición:
ISBN: 978-84-09-16650-3
Depósito Legal: C 2177-2019
Precio: 37€

NOTAS DE CAMPO

Oscos
23 diciembre

Oscos

Los Oscos (Os Oscos en la lengua local) es una comarca interior asturiana formada por tres […]
Buño
23 diciembre

Buño

Os de Buño son oleiros, os de Malpica son pescos, os de Tallo serradores e os […]
No hay productos en el carrito
Seguir comprando
Utilizamos cookies propias y de terceros para realizar el análisis de la navegación de los usuarios y mejorar nuestros servicios. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, pulsando en Más Información;