Xesús Búa (Muxía, 1961), fotógrafo da Costa da Morte, leva toda a vida percorrendo este territorio por iniciativa propia e por ser fotorreporteiro do xornal La Voz de Galicia máis de 25 anos. O seu interese pola fotografía comeza aos 12 anos, cando a súa avoa o agasalla coa primeira cámara. Discípulo do tamén fotógrafo muxián Ramón Caamaño (Muxía, 1908-2007), continúa a enfocar as súas lentes cara á paisaxe e a xente desta Costa do Solpor, retratando a súa vida cotiá, o seu traballo e os seus momentos de lecer, pero tamén todos aqueles acontecementos extraordinarios que acontecen na contorna.
As súas fotografías foron premiadas en múltiples ocasións: no Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís de Carballo, no Certame Fotográfico Ramón Caamaño de Muxía, no premio PSH Profesional ou pola Federación Española de Profesionais da Imaxe (FEPFI). Tivo tamén varias nominacións nos Premios Lucus Augusti e foi seleccionado no VIII Concurso Fotográfico da Fundación Caja Rural Jaén. As súas imaxes percorreron gran parte de Galiza e a exposición «A miña Terra» traspasou fronteiras e foi exhibida en Francia e Portugal.
A exposición «Homes e mulleres de sal e ferro» viu a luz na illa de San Miguel en Ribeira Grande, nas Azores, en 2018. Desembarcaría o ano seguinte en Muxía, logo pasaría polo Pazo da Cultura de Carballo en 2020, pola sala Antón Mouzo de Vimianzo en 2023, atravesando ese mesmo ano o océano Atlántico para exhibirse nas localidades brasileiras de Nova Veneza e Florianapolis, neste caso en 2024, e volve a Europa no Festival Internacional de Fotografia de Avintes, en Portugal, tamén en 2024.
Esta serie de imaxes, ampliada, deu lugar ese mesmo ano á publicación do que será o primeiro libro do fotógrafo muxián.