ENVÍO GRATIS
EDICIÓN LIMITADA
VISTA PREVIA
Impresa en edición de luxo, tapa dura, estampado en ouro e con material gráfico inédito e exclusivo, esta obra que agora publicamos contén unha visión actualizada da música no noroeste peninsular na Plena Idade Media.
O libro, con textos de José M. Salgado, Francisco Singul, Mariña Arbor Aldea e Francisco Luengo, será unha obra de referencia para todos os lectores interesados na época medieval en xeral, na arte románica e no Camiño de Santiago, e imprescindible para os especialistas, pois achega un estudo rigoroso en cada un dos seus catro capítulos.
O primeiro capítulo, “O ancián 23”, preséntanos a obra e aporta unha mirada curiosa sobre a construción do lintel do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela.
O segundo, “A imaxe da harmonía universal. Música, poesía e artes visuais en Galicia e no Camiño de Santiago (séculos XII-XIII)”, introdúcenos na difusión da música nos mosteiros, na escultura musical da arte románica e na figura do rei David como salmista e músico, a peregrinación, os manuscritos onde se documenta a música dese período e na performance trobadoresca cos xograres e danzantes.
O terceiro, “Poesía e música na Idade Media hispánica centro-occidental: un crisol de culturas tecido en cobras e sões”, céntrase, despois dunha necesaria contextualización histórica, no percorrido polo mundo da lírica profana en galego e polas súas orixes, os seus xéneros e textos, polas Cantigas de Santa María e polos vellos documentos que preservaron parte dese tesouro artístico, na súa notación nos códices, o mundo dos trabadores e os xograres, etc.
O último capitulo, “O mundo instrumental do Mestre Mateo”, é toda unha pormenorizada análise da obra escultórica musical do Mestre Mateo, a súa escola e os seus continuadores, cun detallado estudo de cada instrumento e onde tamén se fan propostas interesantes para unificar conceptos entre os especialistas, como pode ser a aportación dun glosario galego relacionado cos instrumentos musicais.
Cada capítulo inclúe, así mesmo, unha importante relación bibliográfica para que o lector, ou o investigador, poidan ampliar coñecementos consultando as fontes que se citan.
As numerosas fotografías, a gran maioría delas exclusivas e únicas, realizadas por José M. Salgado, foron impresas a páxina completa, ou a dobre páxina, coa intención de facilitar unha observación clara de cada detalle dos elementos que representan.
Unha obra única, rigorosa, actual, de contido enriquecedor, imaxes impresionantes e información imprescindible que a converten nun libro de referencia, de consulta necesaria, de lectura amena e fonte de información e coñecemento importante.