(Aceda, Cantabria, 1958)
Con varios premios internacionais e numerosas exposicións no seu haber, iníciase na fotografía de forma autodidacta aos 19 anos. En 1978 fai a súa primeira exposición de paisaxes e festas cántabras e máis tarde, en 1984, funda unha tenda en Santander (Foto Ansola). Ao principio traballa a fotografía de estudio e social, ao tempo que colabora en varias revistas e xornais. Fotógrafo inquedo, viaxeiro e apaixonado da cultura e tradicións dos pobos celtas, no ano2000 decide centrarse na fotografía artística. Inicia un longo percorrido que o levará a residir durante un ano en Irlanda buscando historias que contar. Esa busca conducirao a Vilaeimil (A Pontenova, Galicia) en 2008, onde é coñecido como O Retratista de Vilaeimil. Alí compra unha casa, rehabilítaa e toma contacto directo coas xentes sinxelas que, segundo el, “son quen máis teñen que contar“. Esta experiencia dará como resultado a súa última publicación: O pobo das néboas, ao tempo que se involucra na conservación do patrimonio etnográfico da zona e promove, con outras persoas, o proxecto “Triángulo dos trasnos”, cuxo obxectivo é concienciar a poboación para protexer a arquitectura popular, intentando cambiar a visión das xentes a través das súas propias fotografías e levando adiante o seu último proxecto (por agora): a apertura dun estudio en Vilaeimil, onde pretende “fomentar a fotografía como forma de conservar e respectar o noso patrimonio de arquitectura popular no concello“. Vicente Ansola é un antropólogo da fotografía. Nalgúns do seu traballos pode notarse claramente a alma das persoas que retrata, resultado de convivir con elas e integrarse no seu círculo, como pode apreciarse na última publicación, cargada de sentimento, “que non deixa indiferente a quen o ve e co que é máis doado emocionarse“, segundo algunhas crónicas.
A súa grande implicación co mundo da fotografía artística, condúceo a desenvolver un interesante labor de apoio aos fotógrafos creativos, promovendo en 2009 o Certame Fotográfico que leva o seu nome, con importantes premios e a publicación das fotos finalistas e gañadoras a través da Editorial Cuentabria, creada o ano 2000 en compañía de Íñigo Ansola, na que ten editados varios libros de fotografía: 5 cuentos y una historia de Cantabria (2000), El bosque de las flores dormidas (2004), El bosque de la bailarina (2008), I Certamen fotográfico Vicente Ansola (2009), II Certamen fotográfico Vicente Ansola (2010) e O pobo das néboas (2010). Con fotografías deste último traballo gañou, en xaneiro de 2012, o Premio Hasselblad Master na categoría “Up & Coming”, o que lle deu pé a realizar un interesante traballo fotográfico nas terras da Pontenova titulado “A última pola vila”, publicado no libro Evoque editado e presentado por Hasselblad hai dous anos e que serviría de base á súa última publicación Aldeas sen voz (2016). Con Editorial Canela colaborou, ademais nos libros: Manuel Enríquez Fernández, Nela de Bres (2012), Desiderio Sampayo Rico. Siderio de Vilarmide (2015) e Antón Corral. A alborada dun soño (2016).